O MOTIVO
Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.
En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas
ou cun dos libros de Ediciós do Castro? Quen non gozou dalgunha das súas
tendas, galerías de arte, casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fábrica de
Cervo ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside?
QUEN SOMOS
Alento esbravexo. Somos un grupo de persoas, que non queremos
deixar pasar esta data sen ofrecer a nosa contribución e a de todas aquelas,
dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración.
Somos sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir
recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta
cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario.
Convocámonos ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte,
artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de fortalecer e
recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñemos en
marcha esta tarefa colectiva tan necesaria.
COMO PARTICIPAR
Sen financiamento, sen promesas de exposición nin publicación, sen nada
fóra do traballo xeneroso que -unha vez máis se nos pide- saímos ao camiño
procurando esa flor que pode chegar en calquera modalidade de expresión
(obra plástica dixital ou dixitalizada, palabras nun escrito, peza artesanal, traballo sobre unha obra del,...) porque todo é válido se o facemos pensando
no polifacético Isaac.
QUE FACER
Cadaquén pode inspirarse en algo relacionado con Isaac (un acontecemento
concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz,
unha peza cerámica, deseño, un tipo de letra, grafiti, danza, música, performance, etc.). Tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas
que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo
totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais
indicados ou non, con total liberdade.
DATA DE ENTREGA
Estabelecemos como data límite de entrega o 13 de agosto de 2020.
Con todo o material recibido tentaremos facer algo (virtual ou non,
dependendo de se esta situación vírica mellora): un libro, unha
exposición,... Todas as achegas artístico-literarias serán floriñas arriquecedoras,
arrecendentes de xenerosidade para Isaac. Cultura e liberdade son de obrigada
necesidade.
+ INFORMACIÓN
Se precisas máis información e se queres participar, mándanos un correo a: alentoesbravexo@gmail.com
Se precisas máis información e se queres participar, mándanos un correo a: alentoesbravexo@gmail.com
Benvida/o sexas a este traballo colectivo!